top of page
foto.jpg

SOBRE MIN

Nacín no ano 1964 nunha aldea de Salcedo, a oito kilómetros da cidade de Pontevedra. Daquela ningunha estrada pasaba preto da nosa aldea. Só había congostras, carreiros, leiras e monte. Ata os seis anos non souben como era unha cidade, ata os catorce non descubrín que existían as bibliotecas públicas. Empecei a escribir na adolescencia. Eran os anos da guerra fría e a mocidade estaba moi concienciada a prol da paz e a non violencia. Fascinado pola inmensidade do universo e a evolución tecnolóxica, escribín algúns relatos curtos que acabaron no lixo e un traballo de divulgación científica, que obtivo o segundo premio nacional nun concurso convocado pola ONU para a segunda conferencia das Nacións Unidas sobre a exploración e utilización do espazo extraterrestre con fins pacíficos.

Durante os anos universitarios non deixei de escribir relatos fantásticos e algún que outro poema solto.

Despois casei, tiven dúas fillas marabillosas e, xa pasados os corenta, decidín poñerme en serio cunha novela.

Debutei como escritor no ano 2012 coa publicación da novela xuvenil de ficción científica "2044" (Editorial Galaxia, 2012).

O ano seguinte viu a luz "A teoría do tempo imaxinario" (Urco Editora, 2013), novela, tamén de ficción científica xuvenil, escrita en feminino xenérico.

"O Gran Reino" (Edicións Xerais, 2014), novela sobre a anorexia adolescente, na que mesturo fantasía e realidade, foi merecedora do premio Jules Verne de literatura xuvenil no ano 2014.

Entre os anos 2018 e 2019 publiquei dúas novelas para adultos en castelán, na plataforma de autoedición de Penguin Random House: "El club de los amantes arrepentidos" e "2M84".

En xuño do 2020 sae do prelo  "O mundo máxico de Lía" (Edicións Xerais, 2020), a miña primeira novela de literatura infantil.

No 2021 subín á plataforma de Amazon a novela de suspense "La decisión de buscar a Sofía" e no 2022 a novela de misterio psicolóxico "La insólita cuarentena de Clara Peleteiro".

En outubro do 2023 Edicións Xerais publica "A miña amiga invisible", segunda obra destinada ao público infantil.

bottom of page