
LITERATURA INFANTIL

Lía ten dez anos e a súa nai cre que é moi madura para a súa idade. Claro que o resto da xente pensa todo o contrario, sobre todo o pai, que se burla dela porque se nega a falar. Unha noite, Lía foxe da casa e agóchase detrás duns arbustos esquivando a persecución do seu pai. Na compañía de Glok, un trasno imaxinario, emprende unha aventura fantástica por un mundo máxico, soterrado baixo a cidade de Pontevedra. Lía non ten medo, é unha nena valente, disposta a enfrontarse ao que faga falta para volver xunto á súa nai, aínda que sexa o malvado líder dos homes rata.


Cando a súa familia abandona a cidade para vivir nunha aldea preto de bosque, Uxía descobre un mundo descoñecido onde nada é o que parece ou non parece o que é. O veciño máis próximo é un apicultor rabudo que, no canto de criar abellas, semella poñer trampas para apreixar fadas. A nova escola tampouco é como esperaba, tendo que soportar o acoso e as burlas dos máis brutáns simplemente polo seu aspecto (e por ser máis intelixente que todos eles). Coa inesperada aparición dunha amiga invisible intentará superar todos os atrancos que a realidade teima en poñer no seu camiño.

Cando espertou, a nena do pixama estrelado decatouse de que non podía mover as pernas. Calquera outra, na súa situación, asustaríase, mais a nena do pixama estrelado non se asustou, non gritou, non se puxo nerviosa, non chorou. Só pensou en cal podía ser o motivo de que as súas pernas non se movesen. No seu décimo aniversario regaláranlle cousas moi valiosas economicamente e tamén un pixama azul poboado de estrelas. Por algunha misteriosa razón, aquel pixama foi o agasallo que máis ilusión lle fixo e, talvez, un dos motivos polos que agora non poida mover as pernas. Hai outros motivos, claro que si, e a nena do pixama estrelado está disposta a descubrilos todos. Unha historia de superación sobre as mudanzas familiares e a axuda da amizade, a imaxinación e o amor.